A Unión de Lantaño

Transcorría a última década do S. XIX, cando viu a luz a primeira agrupación musical do noso concello da man de D. Ricardo Candán Fernández, coñecido na parroquia coma “O Candango”, que naceu o 29 de novembro de 1852.

Descoñécese o lugar onde puido iniciar os seus coñecementos musicais, se ben recórdase que o seu instrumento era o bombardino, que simultaneaba co expresivo harmonio, nas celebracións relixiosas. Por suposto, que cando comezou a súa labor, o Sr. Ricardo conseguiu reunir entre oito e dez músicos que sería o punto de partida da banda.
A maioría con pouco solfexo e moita “orella”, segundo nos comunicou Antonio Frieiro “que bastante traballo tiñan para rematar unha peza todos xuntos”.

Pasados os primeiros anos do S. XX, é cando se produce a primeira excisión e fórmase a denominada banda “Dos Vilas”, formada por varios irmáns e algúns membros da banda do Sr. Ricardo; estes, apoiados polo seu pai D. Jesús Vila, perito agrónomo e persoa influínte na bisbarra.

Data anecdótica é o 20 de xullo de 1910, cando a Banda “Dos Vilas” actúa na Estación de Ferrocarril de Portas, ó paso da Comisión do Concello de Vilagarcía, que viñan de volta de Madrid de doar á Súa Maxestade o “Rey”, a Illa de Cortegada. Esta Banda pronto logra os seus froitos, xa que no ano 1912 consigue o 1º premio para Pequenas Bandas no concurso celebrado en Santiago de Compostela co gallo da festa do Apóstolo. Dirixe a banda Álvaro Vila, que iniciara os estudios co Sr. Ricardo para posteriormente melloralo en Noia, con D. Felipe Paz Carvajal —compositor e ex-director da Banda de Pontevedra-. Álvaro Vila finou moi mozo, ós vintesete anos, e sucedeuno no cargo o seu irmán Hermógenes, que estivo ata o ano 1931 ó fronte da banda. Durante un ano sucedeuno Amador Piñeiro Buceta, de Portadeconde (Portas), que o ano seguinte trae ó mestre Fiúza. Este último dálle forzas musicais á banda, que no ano seguinte logra o 1º premio en Ferrol, e o 2º en Santiago, onde tocaron as pezas “Follas Novas” de Brage e “A lenda do bico” de Soutullo.

Procedía o mestre Fiúza da Banda de Música de Vilagarcía onde desempeñaba o papel de clarinete solista e subdirector da mesma.

A andadura da Banda “Dos Vilas” tivo os seus problemas, pois no ano 1917, é cando os irmáns Vázquez Poza, discípulos de Álvaro Vila, non están de acordo coa administración da banda e xurde unha segunda excisión, formándose a Banda “Dos Poza”, que con algúns disidentes dos Vilas, e tamén, con músicos do Sr. Ricardo, inicia o seu camiñar baixo a dirección do irmán máis novo, Xosé Vázquez Poza, bo músico que aumentou os seus coñecementos na Banda do Reximento Militar, onde estivo destinado mentres cumpría o servicio militar, pero a morte levouno moi mozo. Pasando pola dirección da banda os seus irmáns, Xoaquín e Manuel, que cando os Vilas traen a Fiúza, eles refórzanse con D. Andrés Blanco, coñecido como “Rebornecho”.

Xa no ano 1935, no Concurso de Bandas Populares celebrado en Pontevedra participan as dúas bandas, Vilas e Pozas, como tamén as de Arcade e A Lama. Logran os Pozas o 1º premio coa interpretación das obras de “Unha noite en Calatayud” e “Negra Sombra”, certo que os Vilas logran o 3º premio, pero o Sr. Fiúza non subiu ó escenario a recollelo.

Se xa, dende a aparición dos Pozas, fai que os enfrontamentos músico~culturais suban de tono, engádense outro tipo de confrontacións ata chegar a formar verdadeiras liortas entre as familias e seguidores de cada agrupación.

Chegada a Guerra Civil, músicos de ámbalas dúas formacións teñen que incorporarse a filas polo que desgraciadamente moitos deles non volverán. Xurde ó remate da guerra, 1939, un grupo de persoas influíntes na parroquia que deciden establecer contactos cos dirixentes e administradores das dúas bandas para unificalas. Por parte dos Vilas, Amador Piñeiro, e pola banda dos Pozas, Manuel Vázquez Poza, que conxuntamente con D. Andrés Méndez, D. Bernardino Buceta e D. Nemesio Méndez, acompañados polo cura párroco, D. Balbino Lojo Lomba e o capelán, D. Santiago Santos Santamaría, levan a cabo varias reunións, ata unificar as dúas bandas no mes de xuño dese ano.

Esta é unha data fermosa na que toda a bisbarra se reúne en Lantaño para ver como cada banda saía do seu local de ensaio e se reunían no camiño que conduce á igrexa parroquial. Bágoas, apertas,… alternadas con estoupidos dos foguetes, daban lugar ó nacemento da nova banda baixo a denominación de “Unión de Lantaño”, da cal foi o primeiro director D. Andrés Blanco “Rebornecho”, xa que o Sr. Fiúza marchou a Marín como recadador de contribucións. A “Rebornecho” substitúeo Leopoldo Mallo -brigada da Banda Militar de Infantería de Ferrol- a continuación segue D. Darío, tamén desa banda militar. Xurdindo ausencias na dirección é polo que volta temporalmente o Sr. Fiúza, que vai quitando as castañas do lume, ata que no ano 1944, o día 8 de agosto, na Alberguería (Moraña), se fai cargo D. José Laguarta Gracia —subdirector de bandas militares- que tivo como último destino Alxeciras (Cádiz), e que durante trinta e catro anos estaría ó fronte da mesma escribindo páxinas históricas, xa que a converteu durante moitos anos, na primeira banda popular de Galicia.

Preto de quince anos, dende a chegada de José Laguarta é a que se coñece como época dourada, xa que obras dos compositores universais como Wagner, Tchaicowski, Beethoven, Schubert,… e unha longa lista de compositores nacionais e galegos son interpretados fielmente polos músicos de Lantaño. Obras moi difíciles de execución e expresión.

O cambio estructural e progresivo é evidente, une a súa personalidade á dos músicos existentes, emprende unha labor docente e formativa con novos alumnos como nunca se vira, nin creo suceda nos séculos vindeiros, os seus alumnos non son simples músicos, senón que a preparación alcanzada é tan completa que da súa man se presentan directamente a oposicións a prazas de músicos do exército, obtendo os mellores postos nos seus exames. Cabe citar entre outros a

  • D. Antonio Caldas García: Subdirector da Banda da Garda Civil de Madrid,
  • D. Luciano Abuín Guímarey: Subdirector da Banda Municipal de Vilagarcía de Arousa,
  • D. Elixio Vila Vázquez: profesor e compositor,
  • D. Marcial Fontán Vázquez: músico militar,
  • D. Fernando Gontad Losada: músico da Banda Municipal de Santiago de Compostela,
  • D. Xesús Constela Gómez (Loureiro) e
  • D. Adonis Ferreiro García: músico militar, director de varias bandas de música, compositor de diversas obras entre las que citamos: Aires de Pontevedra, Pasodobre Concerto, Lantaño, P.C, Miguel, P.C, Monte Alto, P.C, o Cazador, P.C, Na Xesteira, Muiñeira, Virxe da Roca, Marcha de Procesión, Mérida N.º 44, Marcha Militar, Rexemento Isabel a Católica N.º 29, Marcha Himno con Gaitas, Cornetas e Tambores.

Todas as figuras mencionadas e moitas máis que quedan no tinteiro dignas de mención, son froito da labor incansable de D. José Laguarta, quen non só conquistou premios para a súa banda; tamén sementou a semente que daría o seu froito en vindeiras xeracións. Era tanto o amor que sentía pola música e a súa Unión de Lantaño, que non reparaba en domingos ou festivos para tela a punto nas súas academias de ensaio.

Lantaño e o Concello de Portas deben o coñecemento que deles se ten dentro e fóra da provincia á gran difusión que a banda de música, que por calquera lugar que fora deixaba moi alto o pavillón do seu concello recollendo triunfos ó seu paso.

Pero o caduco e efémero desta vida, ten o seu fin para todos os mortais e como non podía ser doutra maneira, a hora chegou para esta gran figura musical e humana, D. José Laguarta Gracia despois de 35 anos recollendo triunfos: Premios, Diplomas, Medallas, Homenaxes etc…

En setembro de 1990, Lantaño e os seus músicos réndenlle unha cariñosa homenaxe con motivo da súa xubilación. No seu honor colócase unha placa no palco de San Bieito. Moi próxima a esta atópase a placa á memoria de D. Ricardo Candán.

Un doce de febreiro de 1992 a campá da igrexa parroquial de Lantaño con semitonado son, anuncia o inesperado. D. José morreu, o pobo viste de loito a súa alma, La Unión de Lantaño quedou orfa e a música perde unha gran figura profesional e humana.

Entre os premios obtidos figuran o celebrado nun concurso en Ourense no que se lle considera como o mellor dos directores presentados e o correspondente premio. Noutro concurso celebrado en Pontevedra compartirá o primeiro premio coa banda de Arcade.

A Sociedade de Residentes do Concello de Portas e os seus contornos residentes en Bos Aires, concedeulle a Medalla de Ouro, entregada polo entonces Presidente D. Xosé Alfonso Reboredo, oriúndo de Lantaño.

Entre os traballos por el realizados debemos destacar o pasodobre titulado “de Paredes á Torre” quizá recordando os dous lugares en que viviu desde a súa chegada a Lantaño.

No ano 1978 retirouse José Laguarta e colleu a batuta Ricardo Trindade, que a cedeu a Javier Gargallo. Ignacio Estévez, Santiago Neva Curtido, Emilio Vilas Quintela e Nicolás Leiro Álvarez tamén dirixiron a Unión de Lantaño. Desde o ano 2017 ocupa o posto de director Alejandro García Pacheco.

A Banda Unión de Lantaño está formada por músicos cuxas idades están comprendidas entre 7 e 39 anos. A súa mocidade é unha das características que a define e é, tamén, a que lle dá «vida e enerxía», subliña o seu director, que ten 29 anos, naceu e ten o seu domicilio en Campo Lameiro, formouse no Conservatorio Superior de Vigo e desprázase todas as fins de semana desde Burgos, onde desempeña o seu cargo de suboficial das Forzas Armadas, ata Portas para dirixir os ensaios.

Alejandro García Pacheco sinala que os músicos con mellor formación axudan a quen o necesita e forman un «grupo de amigos e compañeiros» que son conscientes da responsabilidade que supón formar parte dunha agrupación con 148 anos de historia. «Vos pobos fanse con cultura e eu podo estar arriba dirixindo como abaixo tocando frauta traveseira», asegura.

Coidando do noso