De formación autodidacta, Elisa Abalo naceu en Lantaño, Portas (Pontevedra), no ano 1940. Inicia a súa andadura profesional na década dos setenta integrándose paulatinamente no mundo da creación plástica. De vocación temperá que se manifesta na súa infancia a pintora achegase timidamente ó mundo da arte. En 1966 contrae matrimonio con Emilio Morquillas, persoa fundamental na súa vida con quen compartirá unha etapa intensa e feliz, aínda que desgraciadamente curta, truncada pola prematura desaparición do seu home. Dedicada intensamente á pintura, veu realizándo dende o seu estudio de Santiago de Compostela unha crecente actividade.

Elisa Abalo é unha recoñecida pintora, veciña do Concello de Portas, cuxa traxectoria profesional e persoal xa percorreu un gran camiño e que chegado a este punto decidiu continuar achegándo os seus coñecementos de tal forma que a partir das súas creacións se poida conseguir favorecer polos métodos adecuados, principalmente, aos nenos, para que a súa vida sexa máis feliz e completa. A grave situación á que se enfrontan os sectores máis débiles da nosa sociedade provocou que a axuda desinteresada das entidades como poden ser as Fundacións, sexa un elemento moi importante para xerar estados de benestar aos devanditos sectores. Por iso desexa realizar a súa achega e axuda a través dunha Fundación.

Outro dos fins principais é dar a coñecer a obra desta grande artista, incluída a súa vida dedicada á arte e á súa familia, así como apoiar e axudar ao desenvolvemento de valores culturais relacionados coa pintura, escultura, música, e outras artes.