Miradoiro de Outeiro Grande

Dende este miradoiro de tan só 202 m de altura pódense observar nos días máis claros, detrás do Monte da Paradanta, puntos tan afastados coma os cumios do Parque Nacional de Peneda do Gerês en Portugal, a máis de 70 km de distancia. Esta perspectiva é debido a que nos atopamos a carón da Depresión Meridiana, unha gran fractura, longa e ancha, que dende Tui chega máis alá de Santiago de Compostela. Este val foi aproveitado dende tempos antigos como ruta natural para unir o norte e o sur de Galicia e por ela descorren a autoestrada do Atlántico, o Camiño de Santiago e anteriormente a Vía XIX do Imperio Romano.

Este bolo granítico forma parte do chamado «Plutón de Caldas de Reis», unha mole granítica que se formou a partir de magma solidificado no interior da cortiza a unha elevada temperatura e presión. Despois de millóns de anos de erosión estas rochas quedan ao aire ofrecendo paisaxes encantados de bolos, abeiros e pasadizos onde habitan mouros e fadas.

O granito, vén acompañando ao ser humano que se moveu por estas terras dende a máis remota antigüidade. Os primeiros gandeiros e labregos, no Neolítico, construíron as súas tumbas, as mámoas, con estas pedras; na Idade do Bronce deixáronnos enigmáticos gravados sobre a pedra e, dende a Idade de Ferro ata a época actual, os nosos devanceiros souberon utilizar a dureza desta pedra para a construción de fogares, defensas, pontes, muíños e monumentos.

Coidando do noso