Na ribeira do río de Lantaño había un muíño de 5 moas construído en 1.875 (hoxe en día apenas se conservan os restos) que pertencía a familia dos Afonso. O ser un muíño de carácter privado cada veciño pagáballe o dono do muíño unha parte do gran moído que lle denominaban «A Maquía», o gran levábase a moer nuns caixóns de madeira que tiñan todos o mesmo volume que e o que se denominaba ferrado de millo, e en función de iso establecíase a Maquía.
A altura deste muíño existía a Ponte de Afonso, unha ponte de madeira que se utilizaba de paso para comunicarse os veciños da parroquia de Lantaño (Portas) cos veciños de Godos (Caldas de Reis).
Nas ribeiras do río desta ponte tiña unhas praias bastante amplas e había tamén uns prados amplos, que facían que esa zona fose un lugar moi visitado para lavar a roupa xa que había onde clarear a roupa. No verán as mozas aproveitaban mentres se clareaba a roupa para bañarse elas, e os homes que tiñan ocasión tamén se achegaban por alí….
Esta ponte tamén a utilizaban as mulleres para pasar coas cestas na cabeza onde levaban excedentes de froita, legumes, ovos, patacas, verduras, galiñas e porcos para ir ao mercado que se celebraba en Vilagarcía.
Os veciños de Lantaño utilizaban a Ponte para acudir as festas da parroquia de Godos que eran as do Santísimo no mes de Agosto e as de Fátima nos meses de Maio e Outubro.
Tanto tráfego de persoas tamén deixou algunha anécdota. Dous mozos, Manuel e Francisco, ían a escola de noite a parroquia de Godos, Manuel esvarou no firme de madeira e caeu o río sen saber nadar. Francisco foi quen de rescatalo quedando todo nun dos sustos mais grandes da súa vida.
Ademais das pontes, nos meses de xullo e agosto, a xente tamén utilizaba para cruzar o ría zonas de xogas coma a de Aveleira, nas que só había que descalzarse para cruza por alí andando.
Os muíños eran un dos centros de reunión da mocidade pois neles había que pasar moito tempo agardando a ser atendidos e a que rematara de moerse o gran. A isto hai que sumar que a el acudían xentes de diferentes partes da parroquia o que os convertía en lugares idóneos para encontros, namoramentos e festas improvisadas. Non debe estrañar polo tanto a existencia de multitude de cantigas, refráns, poesías e adiviñas con temática muiñeira:
O muíño a moer
o ratiño a comer
agarreino polo rabo
leveino ao mercado
do mercado de Padrón
De Padrón a Sevilla
sentado nunha silla
comendo unha rosquilla.
O muíño do Corbello
esta no medio do monte
ao lado dun riiño
para poder moe-lo millo.
A onde se vai moer
é un sitio moi fermoso
por onde pasa algún coello
este ten que ser
o muíño do Corbello.
Dáme lume Sara polo vertedoiro
dáme lume Sara que son muiñeiro
si es muiñeiro
sobe para arriba
que Sara está soa
e quere compañía.
Muíño que estás moendo
o trigo con tanto afán
ti estás facendo a fariña
e outro como do pan.
Ai muíño, muíño
con tanto traballar
estase volvendo tolo
de tanto muiñar.
O muíño traballa moito
o muíño non para
e nos, os muiñantes
tanto traballar para nada.
Esta noite fun á rolda
e rolei sete muíños
e enganei sete rapazas
e encarguei sete meniños.
Este muíño non é muíño
que é a capela dos ratos
onde se dan moitos bicos
e máis moitos abrazos.
Miña nai non quere
que eu vaia ao muíño
porque o muiñeiro
rebrinca, rebrinca
volve a rebrinca
unha saia nova
me quixo rachar.
Esta noite no muíño
hache de haber apartamento
os casados para fora
os solteiros para adentro.
A miña muliña
cando vai pro muíño
¡ai! Vai enfariñada
cheiña de frío
tamén de xiada
¡ai! A miña burriña
sempre vai cansada.
Díos cho pague
churrusqueiro
téñocho que agradecer
cando vou ó teu muíño
sempre me deixas moer.
O muíño foula foula
o vento lle fai a moa
a filla da muiñeira
ten un andar que namora.
Xa non quero ser muiñeiro
nin barre-lo tremiñado
que despois no outro mundo
toman conta do roubado.
Un cura foi ó muíño
foille millor que non fora
que coa beira da sotana
barreu a fariña toda.
Refráns
«Ábrete, fol, pola boca, para que en vez dunha maquía dúas che colla».
«Andando gaña o muíño que parado está perdido».
«Cada muíño quere a súa auga».
«Máis que muíño na espera, vale sobro na moega».
«Non fíes en maquía de muiñeiro nin creas en comida de despenseiro».
«O muiñeiro, que ve e ve, non pode ser paruleiro».
«O muíño treina, treina, a auga faino treinar».
«O que está na acea, moe, e non o que vai e non volve».
«O que está na acea moe, e non o que vai e non ven».
«O que pode vai ó muíño e moe».
«Ábrete, saco, unha maquía me debes, dúas che agarro».
Adiviñas
Anda e non ten pés,
come e non ten boca,
canta fariña lle dan,
toda lle parece pouca.
Andar e andar e nunca chegar.
Bebe polos pés, come pola cabeza e caga pola illarga.
Anda e anda e nunca chega a súa casa.
¿Qué cousiña, cousa será que da voltas encima do río e sen se mollar?