O Pazo de San Bieito está situado no lugar de Rial e a súa orixe remóntase ao século XV, aínda que é probable que existise un cenobio dependente do Mosteiro de Armenteira dende o século XII.
O edificio ten forma de U acollendo un pequeno patio pequeno. No muro exterior podemos ver un portalón brasonado cun frontón circular flanqueado por pináculos e coroando por unha cruz. A torre, de equilibradas proporcións, é típica dos pazos da época.

O pazo consérvase tal cual era fai 100 anos, co seu mobiliario da época. A construcción actual é de finais do século XVII, cunha superficie construida de 850 m2 distribuidos en dúas plantas, salvo a torre que ten tres plantas. A torre almenada é de finais do século XV e posiblemente fose unha torre dos Alvarez de Sotomaior para defender a fronteira do Río Umia, que discurre a escasos 200 m do límite da propiedade.

Presidindo o frontón do portalón, un escudo ovalado sobre unha cartela ten o seu campo dividido en oito particións, en cada unha das cales están representadas as armas dos Caamaño, Villar de Francos, Sotomayor, Losada, Pereira, Bermúdez (tal vez Ulloa, pois os escaques van cargados con bandas), Moscoso e Castro. Tímbrase con helmo volto á sinistra e complétase coa inscrición “AÑO de 1791”.

Outro escudo atópase situado no patio, no lugar habitual, e mostra seis particións desiguales nas que se distribúen as armas dos Gil, Somoza, Agar, Cardecid, Sarmiento, Soutomaior, Mariño e, sobre todo, Figueroa. Leva por timbre un helmo que mira á destra do que saen plumaxe e lambrequíns. As armas citadas falan dos numerosos entronques do pazo de San Bieito e da súa importancia ó enlazar con liñaxes tan ilustres, deducíndose da súas análises a relación que debeu ter con outros pazos veciños, como Torre Penelas e O Outeiro, na propia parroquia de San Pedro de Lantaño, e Souto de Poio e incluso A Peroxa, na de Santa María de Portas.
Dous son os hórreos que testemuñan a importancia agrícola que tivo a casa: un de respectable lonxitude, ó punto que a súa cámara se sustenta sobre sete pares de pés; o outro, máis pequeno, de tres claros. O antigo pombal e a construcción anexa foron habilitados como pequena pero cómoda e agradable vivenda. Tamén ten lagar, bodega, forno e cuadras, todo en pedra.

A finca de San Bieito ten unha superficie de 60.000 m2 e mantén a súa enorme importancia ecolóxica e medioambiental, alternándose na súa superficie valiosas especies entre as que hai que destacar unha gran magnolia, un ciprés, varias camelias e, no chamado “rincón de la fuente”,vellos buxos que dan sombra ó relaxante lugar, que se completa cun lavadoiro e unha fonte de auga fresquísima.

Ata o ano 1970 tivo dedicación ganadera (vacuno, prados), vitivinícola e forestal (eucalipto). Na década dos 70 sustituise o ganado e o viñedo por plantacións de maceiras e nectarinas. A partir dos 90 reemplazouse o eucalipto por carballos e creouse un parque de arbolado ornamental. Posúe dous pozos artesanais e catro mananciais de auga.