A Ponte Currucho une as parroquias de Lantaño e Saiar dende fai séculos.
O muíño de Ponte Currucho era un dos chamados de herdeiros; tiña 4 moas e a el acudían a moer xentes das dúas bandas do río, Saiar (Caldas de Reis) e Portas e Lantaño (Portas), grazas a esta pontella chamada Ponte Currucho.
Este era un muíño de herdeiros e cada veciño tiña estipulado unhas horas concertadas para dedicar a moer. Outros muíños eran de “maquía” e neles o muiñeiro cobraba unha medida de fariña, a maquía, por moer nel. Por último están os muíños privados nos que só os donos poden moer.
O gran que aquí se moía medraba tamén grazas á forza do río pois nas súas enchentes rega e fertiliza os campos facendo do val unha terra rica e produtiva, do que dan fe os catro pazos, tres casais e seis muíños, algún deles de cinco moas. A veciñanza só podía cruzar o río cos carros durante o verán; e cando o caudal aumentaba deixaban os carros nas beiras e atravesaban a ponte cos animais de tiro.
No verán utilizábase a zona para lavar roupa tanto na ribeira de Lantaño como de Saiar. Ademais os veciños de Lantaño utilizaban a Ponte para acudir as festas da parroquia de Saiar e Godos que eran as do Perpetuo Socorro en Xuño, Santo Cristo en Setembro e Candeloria no mes de febreiro que se celebraba na capela de Santiaguiño (Godos).

A ponte do Currucho foi destruída por unhas inundacións a fináis da década dos 80, quedando as pedras cubertas polas augas. A parte da ponte que podedes ver en pé foi restaurada polos comuneiros de Lantaño no 2014, agardando agora que o concello de Caldas repare a outra metade e así poder recuperar esa vía de comunicación de antaño.
Ver album da restauración: https://www.facebook.com/media/set/?vanity=montesdelantano&set=a.1478738502346688